<body>
 

O abismo do esquecemento

Espertou. Outro día máis. O venres á fin. Deu a volta na cama e mirou o espertador. As catro da madrugada do venres. Non sabía se alegrarse por poder durmir unhas horas máis ou maldecirse por non poder durmir nunca unha noite enteira. Así que optou por dar a volta na cama e intentar durmir de novo. Pero non podía. O tempo pasaba, os tronos ruxían lonxanos, a chuvia golpeaba con violencia os cristais. As pingas de auga repinicaban nas ventás, producindo sons que, minuto a minuto, tomaban forma dunha nana que lle susurraba no oído, que marcaba o ritmo do seu corazón, que lle obrigaba a pechar os ollos. Rendiuse e deixouse levar, quedando semiinconsciente, nunha escuridade infinita, nun silencio infito. E de novo a calma total.

Volveu a espertar. As pálpebras pesábanlle e parecían térselle pegado ós ollos. Respirou profundamente, deu a volta na cama e mirou o espertador. As sete da mañá. Tiña que levantarse, pero non quería abandonar o seu cálido refuxio, o único lugar onde atopaba a paz absoluta. Quedou uns minutos na cama. Non ía ter tempo a almorzar, coma sempre, e non lle importaba, prefería quedar alí, a salvo do mundo. Xa non chovía, e o seu único pensamento era que aquela sería unha mañá marabillosa, limpa, fresca. Volveu pechar os ollos. Quería deixarse levar outra vez ós abismos do esquecemento, da escuridade, da paz. Pero soou o espertador de novo. As sete e media da mañá.

Mecánicamente, apartou as sabas e puxo os pés no frío chan.